Tuesday 21 de May de 2024

O correo electrónico da Xunta emprega xa o dominio .gal


Un total de 22.000 contas de correo da Administración xeral e da Xustiza incorporan o dominio galego

O correo corporativo da Xunta de Galicia emprega o dominio galego en internet. Coincidindo co Día das Letras Galegas e de Internet a Xunta cumpre outros dos fitos previstos na adopción do .gal como dominio de referencia da súa presenza na Rede. Máis de 18.500 direccións de correo electrónico da Administración xeral substitúen hoxe o @xunta.es por @xunta.gal que, xunto ás 3.500 contas do eido xudicial que xa o estaban e empregar, suman xa 22.000 direccións de correo con .gal. O obxectivo é que en 2017 todos os portais corporativos e o todas as direccións de correo corporativo, incluídas as do ámbito da educación e da sanidade, utilicen só o puntogal.

Este compromiso concretábase no Decreto que regula a organización da presenza en internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e que foi aprobado en maio de 2015.Desde entón todas as novas iniciativas web da Xunta publicáronse xa co dominio galego. En paralelo, iniciouse o proceso de migración dos espazos web existentes ao .gal, que xa está presente en 80 portais corporativos, o 40% total.

O Decreto 74/2015, do 13 de maio, determina un novo modelo de presenza na rede para todos os portais institucionais, que se estruturan arredor de www.xunta.gal, como porta de entrada a todos os espazos e servizos web sociais e participativos dos organismos e entidades que integran o sector público autonómico.

A adaptación ao novo dominio vénse desenvolvendo de xeito paulatino e sen que supoña ningún custe adicional para a Administración autonómica.

Apoio da Xunta ao .gal
O 25 de xullo de 2014 entraron en funcionamento os primeiros dominios .gal, resultado dun proceso de oito anos, impulsado pola Asociación puntoGal, que contou coa implicación de diversas institucións, entre elas a Xunta de Galicia, que apoiou a iniciativa institucional e financeiramente. A Administración autonómica foi unha das entidades pioneiras que nesa xornada activou 9 dominios .gal en internet.

En coherencia con esta implicación, e entendendo que o dominio .gal é unha oportunidade para o posicionamento de Galicia e da lingua galega en internet, a Administración autonómica galega decide adoptar de maneira preferente o dominio .gal para a súa presenza na Rede.

Logro histórico
A consecución do dominio “.gal” foi un fito histórico, froito do apoio de toda a sociedade galega. Ao obxectivo de acadar un dominio en galego se adheriron máis máis de 14.000 cidadáns, 114 institucións das máis diversas disciplinas, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil